0

Dende hoxe, e ata dentro de 14 días, a nosa Residencia acollerá todas as medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e as recomendacións de Sanidade para previr o COVID-19.

Aplicaremos o protocolo que dita a Consellería de Política Social e a Consellería de Sanidade para centros e servizos sociais como consecuencia da evolución do coronavirus. Dito protocolo será o que expoñemos a continuación:

MEDIDAS ESPECÍFICAS PARA OS VINDEIROS 14 DÍAS 

As recomendacións e medidas que se propoñen para os centros de servizos sociais terán unha vixencia inicial de 14 días naturais, sen prexuízo das prórrogas que se acorden de forma sucesiva. Serán de aplicación en todos os centros de servizos sociais, sexa cal sexa a súa titularidade ou xestión.

Nesta situación formúlase un escenario no que se aplican unha serie de medidas (non sanitarias, aínda que con posibles efectos sanitarios) específicas para a protección das persoas que teñen relación destes centros de servizos sociais e para trasladar unha mensaxe de calma. 

CENTROS RESIDENCIAIS (DE MAIORES, DE DISCAPACIDADE, XUVENÍS, DE INCLUSIÓN SOCIAL E DE MENORES) 

 As visitas aos centros estarán limitadas a unha persoa visitante por cada persoa usuaria. Poderanse facer excepcións cando haxa circunstancias que así o aconsellen. 

 Nos centros residenciais de maiores, de discapacidade e de inclusión social suspenderanse todos os novos ingresos durante un período inicial de 14 días. 

Non se permitirán as visitas de persoas que presenten síntomas respiratorios (febre, tose ou falta de aire), ou que procedan de áreas con evidencia de transmisión comunitaria. A día de hoxe (12 de marzo) son: en España as comunidades autónomas de Madrid e A Rioxa, na comunidade autónoma do País Vasco os municipios de Labastida e Vitoria-Gasteiz e na de Castela e León o municipio de Miranda de Ebro; en Francia os departamentos de Haut-Rhin (Grand Est) e l’Oise (Hauts-de-France); en Alemaña o departamento de Heinsberg (Renania do Norte-Westfalia); en China todas as provincias, incluíndo Hong Kong e Macao; Corea del Sur; en Xapón a illa de Hokkaidō; Singapur e Irán 

Nota: estes territorios poden variar polo que debe comprobarse con frecuencia na web do Ministerio de Sanidad a última actualización (https://www.mscbs.gob.es/profesionales/saludPublica/ccayes/alertasActual/nCov-China/areas.htm)

Restrinxirase o acceso aos centros das persoas visitantes maiores de 70 anos. Esta medida deberá aplicarse coa necesaria sensibilidade de cara ás familias, explicando que é unha medida destinada á protección de visitantes e usuarios. Poderanse facer excepcións cando haxa circunstancias que así o aconsellen. 

 Reforzar nos centros a difusión de información sobre hixiene sanitaria. 

Suspenderanse as actividades externas que supoñan desprazamento das persoas usuarias (non se inclúen citas médicas, etc) e das actividades complementarias que se realicen nas instalacións do centro con persoas alleas ao mesmo. 

Suspenderanse os permisos e saídas das nenas, nenos e adolescentes que residan en centros de protección e nos de internamento de cumprimento de medidas xudiciais

Suspenderase a concesión de permisos ao persoal para asistir a congresos, xornadas ou similares

 Habilitarase un único punto de acceso ao centro

No caso hipotético dun escenario agravado, adoptaranse as seguintes medidas adicionais

◦ Limitación de todas as visitas ás estritamente precisas

◦ No caso das que sexan ineludibles, a persoa visitante deberá acudir con mascarilla cirúrxica

CENTROS DE ATENCIÓN DIÚRNA (DE MAIORES, DE DISCAPACIDADE, DE INCLUSIÓN SOCIAL E DE MENORES), CENTROS OCUPACIONAIS E CASAS DO MAIOR 

Suspensión de toda a súa actividade durante un período inicial de 14 días. 

 No caso específico dos comedores sociais, e co obxecto de garantir a cobertura alimentaria de toda a poboación, continuarán coa súa actividade sempre que cumpran cos seguintes requisitos: 

◦ Limitación da presencia simultánea do número de comensais a un máximo do terzo do aforo das salas destinadas a comedor; 

◦ E/ou adoptar as medidas necesarias para subministrar a comida para o seu consumo fóra do centro. 

CENTROS DE EDUCACIÓN INFANTIL DE 0-3 ANOS, PUNTOS DE ATENCIÓN Á INFANCIA, CASAS NIÑO, LUDOTECAS E ESPAZOS INFANTÍS 

Suspensión de toda a súa actividade durante un período inicial de 14 días. 

CENTROS SOCIOCOMUNITARIOS E OUTROS SERVIZOS SOCIAIS 

Suspensión de toda a actividade durante un período inicial de 14 días dos centros sociocomunitarios, albergues xuvenís, Espazos Xoves e as residencias de tempo libre de Panxón (Nigrán) e O Carballiño. 

Suspensión da atención presencial aos usuarios e de toda a actividade formativa nos centros Quérote+ e dos equipos de inclusión social do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. 

 A actividade das unidades de atención temperá limitaranse ás terapias individuais. 

 A actividade dos Puntos de Encontro Familiar limitarase ás intervencións de intercambio, suspendendo todas as visitas supervisadas e tuteladas. Estas suspensións serán notificadas ás familias e aos xulgados. 

RECOMENDACIÓNS XERAIS 

Aconséllase seguir as medidas recollidas neste protocolo para reducir a difusión da enfermidade entre as persoas que teñen contacto cos centros e buscar consello médico, cando a situación o precise. 

Recoméndase que se eviten as alarmas innecesarias e, en todo caso, se actúe segundo as indicacións das autoridades sanitarias.

MEDIDAS ORGANIZATIVAS 

As direccións dos centros residenciais e outros centros de servizos sociais que manteñan as súas actividades, para un mellor seguimento, control e prevención do COVID-19, no seu centro deberá facer cumprir, en todo caso, as seguintes medidas: 

1. A persoa responsable do centro actuará como coordinadora das actuacións ante o COVID-19

2. Cada centro de servizos sociais que manteña as súas actividades, en función das súas características e estrutura, deberá establecer uns procedementos de información e divulgación dos protocolos de actuación, das medidas de prevención establecidas, así como de toda aquela información precisa, para que esta chegue da forma máis áxil posible a todas as persoas profesionais e usuarias. 

3. A persoa responsable do centro asegurarase de que todas as persoas do centro coñecen o plan de actuación ante un posible caso de COVID-19. 

• Así mesmo, difundirá a información básica sobre o COVID- 19 (tales como os signos e síntomas e as formas de contaxio), así como as medidas de prevención e control tanto para as persoas usuarias e o persoal do centro como para familias. 

 Ofreceralles información sobre as páxinas web e teléfonos de consulta dos servizos sanitarios. 

 O centro actualizará os datos de contacto telefónico (móbil, fixo) e correo electrónico dos/as familiares de contacto e do persoal do centro para que, no caso de que sexa necesario, se poida axilizar a comunicación con todos eles. 

 O persoal do centro deberá prestarlle atención á saúde das persoas usuarias. 

 Garantirase a subministración dos materiais de limpeza tanto para a hixiene persoal do persoal do centro, como para a do propio centro. 

MEDIDAS PERSOAIS DE PREVENCIÓN 

 Cubrir a boca e o nariz ao tusir e esbirrar con panos de papel e tiralos ao lixo e, se se pode, despois lavar as mans. 

 Se non se teñen panos de papel, tusir e esbirrar co cóbado flexionado para evitar a contaminación das mans. 

 Lavar as mans frecuentemente, preferiblemente con xabón (durante 40 segundos) ou con solución de base hidroalcohólica (durante 20 segundos) e, sobre todo, despois de tusir ou esbirrar. Recoméndase lavar as mans como mínimo antes e despois das horas de lecer, e antes e despois do servizo de comedor. 

 Evitar tocar, na medida do posible, coas mans, os ollos, o nariz ou a boca. 

IMPORTANTE: Todas estas recomendacións deben serlle comunicadas ao persoal traballador e ás persoas usuarias e deben ser reforzadas nas distintas oportunidades que presenta a vida cotiá do centro. 

MEDIDAS DE LIMPEZA NOS CENTROS 

Os centros deben intensificar as medidas de hixiene das persoas usuarias (salvo orde médica que recomende o contrario) e no persoal, así como nas instalacións do centro. 

Por este motivo, os centros deben extremar os bos hábitos de hixiene nas súas dependencias, facendo especial énfase en: 

Ventilar diariamente as dependencias, os despachos, as salas de reunións, os comedores, aseos e todas as dependencias do edificio. 

 Deberá realizarse unha limpeza a fondo dos diferentes espazos: baños e cociñas

 Deberase limpar con máis frecuencia os espazos do centro que se sitúen en zonas especiais como Unidade de Psicoxeriatría, Unidade de Coidados Especiais, etc, e todas aquelas dependencias onde estean persoas con factores de risco. 

 As superficies limparanse con máis frecuencia, poñendo especial atención nas de contacto frecuente (interruptores, tiradores das portas, teléfonos, xoguetes, teclados e ratos de ordenador, timbres etc.), mobiliario do comedor e das zonas de  estar (mesas e cadeiras) e aqueles obxectos de uso común (vaixela, mesados, aseos, pomos, varandas, equipamento xeriátrico, etc) onde o virus pode permanecer de horas a días. Por iso, é importante limpar máis frecuentemente estas superficies cos produtos de limpeza habituais. 

 Recoméndase que a limpeza se faga en húmido para evitar levantar po, e aspirar en lugar de varrer. 

 Recoméndase non ter alfombras, nin tapetes para o chan, a non ser que se extreme neles a súa limpeza. No caso de que xa existan débense aspirar en lugar de sacudir. 

 Recoméndase o uso de luvas para realizar a limpeza e lavalos con frecuencia para evitar a dispersión de microorganismos dun cuarto ou estancia a outro. 

 As luvas empregadas para limpar os cuartos con persoas enfermas deberán retirarse antes de pasar a outro. 

 O uso de luvas non exime do lavado de mans. 

No lavado de utensilios, roupas e na eliminación de residuos deben seguirse as seguintes recomendacións: 

 Deben limparse ben, tal como se fai de xeito habitual, os utensilios de comida (vaixela, cubertos, vasos etc.) utilizados polas persoas usuarias e persoal do centro. Non é necesario no seu lavado utilizar guantes de goma estériles.

 O material que se utiliza nas cociñas para a elaboración das comidas debe lavarse na forma que se realiza habitualmente: con auga quente e co xabón ou deterxente habitual. 

MATERIAL REQURIDO 

Material de hixiene persoal. 

 E imprescindible que o centro teña dispoñibilidade do seguinte material de hixiene persoal 

 Xabón e xeles para a hixiene do persoal: lavar as mans etc. 

 Toallas de papel desbotables, no caso de que non se dispoña de secadores de aire. 

 Panos desbotables. 

 Papel hixiénico. 

 Cubos con tapa e con apertura a pedal. 

 Bolsas do lixo de plástico. 

Material de limpeza do centro. 

Deberase asegurar a reserva dos seguintes materiais de limpeza das instalacións 

 Xabón ou deterxente normal. 

 Luvas de limpeza. 

 Lixivia. 

 Produtos habituais de limpeza. 

PAUTAS QUE SE DEBEN SEGUIR NO SUPOSTO QUE ALGUNHA PERSOA USUARIA PRESENTE SÍNTOMAS DE COVID-19 

Síntomas do COVID-19 

Os síntomas máis comúns da nova enfermidade por coronavirus (COVID-19) son: febre, tos e sensación de falta de aire. Nalgúns casos tamén pode haber síntomas dixestivos como diarrea e dor abdominal. A maior parte dos casos presentan síntomas leves. 

Actuacións antes un posible caso de COVID-19 no centro 

Ante a presenza dun posible caso de COVID-19 no centro deberán seguirse as seguintes pautas de actuación: 

 Situar a persoa afectada, residente ou persoal do centro, nun cuarto, despacho, etc. habilitado para o efecto. No caso de que sexa unha persoa usuaria, deberá ser acompañada por unha persoa traballadora do centro. Esta persoa non debe ser unha muller embarazada nin unha persoa con factores de risco. Esta persoa debe manterse polo menos a dous metros da persoaafectada, sempre que non necesite axuda. Cando deixe de atendela, lavará as mans. 

 Se a persoa afectada é residente ou persoal do centro, contactarase co teléfono 900 400 116, de ser unha sintomatoloxía leve, relacionada cun posible caso, ou co 061 se se considera que se trata dunha emerxencia. 

 Unha vez avisado, será o persoal sanitario quen deberá realizar a valoración clínica oportuna e establecer as instrucións e as pautas que hai que seguir. 

 Unha vez que quede libre este espazo, deixarase pechado ata que poida procederse á súa limpeza de forma meticulosa, atendendo ás instrucións que, sobre a limpeza de espazos, mobles e demais útiles, se indican neste protocolo, así como á súa ventilación. 

 As persoas usuarias que presenten síntomas de padecer a enfermidade permanecerán na súa habitación se é individual, ata ser atendidas polos servizos sanitarios e se determinen as medidas a adoptar en canto a illamento. No caso de que a persoa usuaria non dispoña de habitación individual, trasladarase á zona de enfermaría. 

 O persoal do centro que estivese en contacto próximo ou atendese unha persoa con síntomas deberá lavar as mans con auga e xabón ou facer unha antisepsia de mans con solucións hidroalcohólicas. 

Recomendacións sobre como proceder nos centros ante casos particulares 

Como síntese do anterior, preséntanse a continuación distintas situacións sanitarias que van requirir adoptar diferentes medidas. 

a) Persoa sen síntomas 

Todo membro da comunidade do centro que non presente ningún dos síntomas mencionados con anterioridade, xa sexa das persoas usuarias ou do cadro de persoal, desenvolverá a súa actividade diaria no centro con total normalidade. 

b) Persoa con síntomas 

1) Inicia síntomas no centro 

Seguiranse as medidas previstas para os centros no epígrafe “Actuacións ante un posible caso de COVID-19 no centro”. 

2) Inicia fóra do centro os síntomas 

Debe seguir en todo momento as instrucións sanitarias que reciba. 

Pautas de actuación para as familias das persoas usuarias 

O equipo directivo deberá facerlles chegar esta información ás familias das persoas usuarias polas canles que considere máis axeitadas. 

 Extremar o coidado da hixiene persoal, lavando frecuentemente as mans con auga e xabón 

 Non compartir alimentos, vasos ou garfos etc. 

 Cubrir o nariz e a boca ao tusir e ao esbirrar cun pano; esbirrar sobre o ángulo interno do cóbado. Tirar o pano desbotable nunha bolsa de plástico. 

 Evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca. 

 Prestarlle atención á saúde, sobre todo se presenta algún dos síntomas que caracteriza ao COVID-19: febre, tose, e sensación de falta de aire . Nalgúns casos tamén pode presentar síntomas dixestivos como diarrea e dor abdominal. 

 Practicar bos hábitos de hixiene. Débese ventilar diariamente a casa, os cuartos e os espazos comúns; limpar as superficies e os obxectos de uso común cos produtos de limpeza habituais (baños, manubrios, pomos, teléfonos, xoguetes etc.). 

 Colaborar coas autoridades sanitarias e cos servizos de saúde pública. 


Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *